Queres Tecnologías gaña o Premio Alfresco á Mellor Solución do 2012

Tras seis anos de traballo como partner de integración de sistemas de Alfresco  para a zona EMEA (Europa, Oriente Medio e África), a empresa de Eganet Queres Tecnología resultou premiada pola compañía californiana co galardón á Mellor Solución 2012, que recibiron durante a Conferencia de Partners desta zona celebrada na localidade francesa de Mandelieu La Napoule o pasado 25 de abril.

Recollida en Código Cero | InnovaMás | EcoDixitalMancomún

Queres impúxose así a a 80 partners desta rexión e convértese na primeira compañía, tanto a nivel galego como estatal, en obter este recoñecemento. O CEO e co-fundador de Queres Tecnologías, Víctor Fariña, foi o encargado de representar á firma nesta convención e amosouse moi satisfeito dos froitos da colaboración con Alfresco: “Disfrutamos moito traballando durante estes seis anos, e estamos moi contentos de ser premiados por utilizar exitosamente as solucións Alfresco para a xestión do fluxo de facturas desde tablets e móbiles”.

Victor Fariña incidiu tamén no feito de que solucións coma este “son posibles só nun entorno de código aberto, robusto e escalable coma é o desenvolvido por Alfresco”.  Unhas palabras que se reforzan coa opinión de John Powell, CEO de Alfresco, quen transmitiu o seu agradecemento aos participantes “pola extraordinaria calidade do traballo” que a compañía foi capaz de acadar “grazas a esta colaboración conxunta”.

No traballo de Queres Tecnologías en colaboración con Alfresco, o factor da mobilidade e a adopción do 'cloud' cobrou cada vez máis importancia, xa que promete ser a seguinte gran revolución do sector TIC: “Estamos apostando por deseñar e desenvolver solucións para dispositivos móbiles e tamén os baseados nos servizos de 'cloud', xa que é unha das áreas que pode ofrecer produtos moi atractivos e útiles para as empresas. Tamén estamos a fomentar a colaboración e a compartición da información e do coñecemento da compañía, tanto internamente como de cara as redes sociais, unha tarefa que con Alfresco e cada vez mais sinxela.”

Dende Eganet, parabenizamos á nosa socia por este recoñecemento a un traballo coidadoso e innovador. Unha proba máis de que as empresas TIC galegas teñen capacidade para ofrecer produtos de calidade a nivel internacional.