Oito marcas galegas reúnense en Elogia para analizar as novas oportunidades de Facebook

Responsables de marketing e comunicación de oito das principais marcas de Galicia asistiron esta mañá, xoves, ao encontro organizado nas oficinas viguesas da empresa de marketing dixital Elogia, socia de Eganet. As marcas representadas foron Bimba e Lola, Fundación Barrié, Kill Paff, Pizza Móbil, Denominación de Orixe Rías Baixas, Novacaixagalicia, Purificación García e a Escola de Negocios Novacaixagalicia. Os expertos en Social Media de Elogia ensináronlles algunhas das novidades que Facebook implementará nas próximas semanas aos seus usuarios, ademais de orientalos sobre como investir e ter presenza de forma óptima nesta rede social, que xa superou os 14 millóns de usuarios en España.

Para Ignacio de Francisco, director de Marketing de Elogia, trátase de "unha gran oportunidade para a empresa galega de coñecer as novidades e tendencias de Facebook para o futuro". Continúa De Francisco: "Desde Elogia quixemos premiar aos nosos clientes con esta reunión exclusiva pois Elogia trata a diario con Facebook e coñece ao detalle os seus cambios previstos, pois é beta-tester dos mesmos".

Entre outras iniciativas, o Social Media Director de Elogia, Rubén Bastón avanzou "novos formatos para o usuario como o Ticker (Teletipos), que informa en tempo real de todo o que fan os amigos dun usuario en Facebook, ou o Timeline (Cronoloxía), que cambia o deseño e o espírito do perfil de usuario para convertelo nun diario". Para Bastón, "son os cambios máis visibles para o usuario, pero non máis relevantes para as empresas que evolucións nos seus anuncios sociais, os Check-in  Deals (ofertas xeolocalizadas) e os Facebook Credits (a moeda de pago dentro da plataforma)".

Os responsables das marcas asistentes mostraron moito interese en coñecer as novas ferramentas da plataforma á vez que a súa preocupación polos seus continuos cambios, que evita que poidan ter un control completo da experiencia dos seus usuarios.