Imaxin Software presenta o seu novo corrector de galego Imaxin Galgo 2.0

A empresa Imaxin Software, asociada a Eganet, presentou a nova versión do seu corrector Imaxin Galgo. Dende a súa creación, Imaxin, leva apostando polo galego cos seus servizos integrais de localización de software, as súas solucións multilinguaxe de procesamento lingüístico-documental e as colaboracións coa administración pública galega.

Recollida en Xunta de Galicia | IMIT | Europa Press | La Voz de Galicia |  Código Cero | Galicia Hoxe | El Correo Gallego | El Progreso | Galiciaè | 20 minutos

Con sede en Santiago de Compostela, Imaxin adícase á consultoría e desenvolvemento de aplicacións no campo da enxeñería informática, multimedia e internet, programación avanzada, xestión documental, educación e formación, enxeñaría lingüística e edición electrónica.

O corrector Imaxín Galgo 2.0 foi presentado nun acto oficial que contou co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, xa que a ferramenta esta destinada a Secretaria Xeral de política Lingüística, departamento integrado na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.  Dado o carácter tecnolóxico e innovador desta aplicación informática, tamén se contou coa presenza da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.

Esta nova versión do programa Imaxin Galgo
baixo a versión 2.0, supón unha actualización da antiga ferramenta Galgo, correxindo e mellorando a súas funcionalidades, ademais de adaptala á normativa de 2003 da Real Academia Galega e as novas versións do procesador de textos Microsoft Word, tanto para Windows coma para Mac. Outras das súas novas funcións ademais da plena integración no procesador de texto, son os diferentes niveis correción e axuda seleccionables. Tamén contén un dicionario persoalizable polo usuario e a capacidade para podermos inserir dicionarios terminolóxicos ou especializados, validados por especialistas en terminoloxía, coa finalidade de facilitar a corrección de documentos de tipo técnico.

Esta aplicación permite solucionar erros de carácter tipográfico, ortográfico e léxico en tempo real ao mesmo tempo que escribimos. A nova versión do corrector tamén contén suxestións de vocabulario, estando deseñado en especial para a situación de diglosia e contacto permanente entre a lingua galega e o castelán. Trátase dunha aplicación que facilita e perfecciona a escrita en galego coa fin de acadar unha maior autonomía no uso correcto do noso idioma axudando a superar as inseguridades daqueles que se animen escribir en galego, e perfeccionando a escrita de todos os que usen de xeito habitual a nosa lingua no ámbito público e profesional.

Con esta ferramenta Imaxin Software fai unha clara aposta polo galego como lingua TIC, traballando a prol do impulso do galego no ámbito das novas tecnoloxías. Deste xeito, fómentase a presenza da lingua galega na sociedade, poténciase o uso de recursos informáticos feitos en Galicia e impúlsase a nosa lingua no mundo da comunicación, axudando na necesaria labor de normalización lingüística.

Ademais deste proxecto, non debemos esquecer outros esforzos estreitamente relacionados co galego, coma son a loita pola obtención do dominio puntoGal, o incesante traballo das Asociacións de Usuarios de Software Libre na tradución do devandito software ou a iniciativa cidadá Twitter en galego XA!