Eganet participou no workshop "Turismo e novas Tecnoloxías"

Eganet estivo presente de xeito activo o martes 25 de setembro no workshop "Turismo e novas Tecnoloxías", que se celebrou no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) en Santiago de Compostela, coa finalidade de promover a utilización das novas tecnoloxías no sector turístico.

Durante o evento estiveron presentes varias empresas asociadas a Eganet, ademáis do propio presidente, Victor López García, que falou sobre os traballos que desenvolve a súa empresa AVA no eido software para oficinas de turismo e turismo de congresos. Tamén asistiron ao evento, en calidade de relatores, Alejandro Lamas de Sixtema para presentar as achegas da súa empresa en xeolocalización aplicada ao sector turístico, Daniel Cerqueiro de Galinus, que falou sobre a presenza online dun hotel e Manuel L. Pan, de Abertal, que tentou dar respostas sobre que facer cos hoteis e as novas tecnloxías.

En total, ao longo das sesións do obradoiro participaron un total de 15 representantes de empresas galegas e da universidade, todos eles relacionados co desenvolvemento de proxectos de modernización do sector turístico. O obxectivo da xornada foi dar a coñecer os proxectos de investigación que tanto universidades como empresas están a desenvolve e promover sinerxías e consorcios coa fin de emprender iniciativas relevantes a nivel local, nacional e internacional.

O evento constou de dous bloques diferenciados. Dunha banda unhas conferencias con varios relatores, entre os cales figuraron empresarios vinculados a Eganet, centradas nas posibilidades que as TIC lle brindan aos viaxeiros, e por outra parte sesións adicadas a I+D+i aplicada ao sector turístico

Tralas coferencias celebraráronse sendas mesas redondas nas que se reflexionou sobre as características e o futuro dos mercados turísticos galego e global.

A primeira delas foi moderada polo presidente de Eganet, Victor López García, que foi o encargado de analizar polo míudo xunto cos asistentes as oportunidades das TIC no mercado turístico galego. Máis tarde tivo lugar a segunda parte do evento, na cal se analizarán I+D+i e turismo, con conferenciantes da USC, o CITIUS e do CETUR. A continuación desta segunda tanda de conferencias tivo lugar a obrigada mesa redonda sobre retos e oportunidades para o turismo no mercado global.

Deste xeito e grazas a participación de varias empresas socias neste workshop, Eganet reforza a súa aposta polas TIC aplicadas a un sector tan importante para a economía galega coma é o do turismo.