Abertal presenta a súa nova ferramenta ANAVGEST para as agrupacións de Protección Civil

A empresa Abertal Networks presentará durante esta fin de semana no marco da "I Xornada Internacional de Protección Civil" a súa nova ferramenta ANAVGEST. Este novo programa é unha ferramenta de xestión de agrupacións, desenvolta en colaboración coa Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (A.N.A.V.).

Recollida en Código Cero

A finalidade da aplicación ANAVGEST é facilitar o traballo deste tipo agrupacións, para aforrarlles tempo e custes na xestión do voluntariado, vehículos, medios, operativos realizados e cálculo dos gastos e ingresos. A información xestionada por este novo programa poderase exportar en informes con diferentes formatos o cal facilitará o manexo da información, implantado as TIC de forma eficaz no seo da agrupación.

Esta ferramenta responde a necesidade suscitada polo claro aumento dos internautas e a cada vez máis importante implicación dos usuarios na sociedade da información, que fan que A.N.A.V. tome conciencia da importancia das TIC e modernize as agrupacións adaptándose aos novos tempos.

No marco destas primeiras xornadas internacionais e grazas ao traballo e estreita colaboración de Abertal, nace a posibilidade de que as agrupacións de Protección Civil estean presentes en Internet a través dunha páxina web actualizada, con novas funcionalidades, na que se poderán ofrecer datos da agrupación, noticias, documentación, galería de imaxes de intervencións e actos, ligazóns de interese cidadán e unha nova forma de contacto adaptada aos novos tempos.

Abertal é unha empresa asociada a Eganet que ofrece dende o ano 1997, as ferramentas e infraestruturas necesarias para facilitarlles aos seus clientes a incorporación á nova era da comunicación e obter a máxima rendibilidade das novas tecnoloxías da información. Con unha ampla experiencia no mundo TIC galego leva a cabo todo tipo de traballos e iniciativas pioneiras como a ferramenta ANAVGEST. Ademais, ten acadado éxitos no campo do comercio electrónico, desenvolvemento de software a medida, deseño web ou promoción especializada on-line, novas tecnoloxías aplicadas ao turismo e mesmo consultoría de tipo estratéxico.