A empresa galega 2Mares premiada nos StartUp Games de Londres

A empresa tecnolóxica viguesa 2Mares foi premiada durante os StartUp Games celebrados no Reino Unido durante os xogos paralímpicos no TechCity londinense. Os StartUp Games, coñecidos tamén co nome de "olimpíadas tecnolóxicas europeas" están organizados polo goberno británico coa fin de atraer e potenciar empresas TIC de alto rendemento e ámbito internacional.

Recollida en Código Cero | Faro de Vigo |Praza Pública | Innovamás | La Opinión A Coruña | Fresh Business Thinking | OSIMGA | Divulgación 360

Ao evento presentáronse un total de máis de 500 empresas TIC procedentes de 20 países, das cales foron seleccionados 120 proxectos para a final considerados como os máis innovadores.

Entre os avaliadores dos proxectos atóparonse persoeiros de grande importancia coma o director de adquisicións de Google, investidores de JPMorgan, Blomberg Ventures, inversores e coaches seleccionados por UK Trade & Investment´s (UKTI´s), a Tech City Investment Organisation (TCIO) e a organización StartUp Britain.

Os 120 proxectos que pasaron á final competiron durante tres días mostrando os seus produtos e tecnoloxía, sendo seleccionados finalmente 16 proxectos gañadores. Entre os designados polo xurado atopouse o proxecto galego Intellixente da firma galega 2Mares

Este proxecto é unha solución para servizos de atención ao cliente en redes sociais, que permite a unha marca ou empresa posicionarse con vantaxe fronte a competencia nas redes sociais, mellorando as súas relacións cos clientes e controlando en todo momento a súa presenza en Internet.

O CEO de 2Mares, Enrique de Miguel amosouse moi satisfeito polo recoñecemento outorgado ao esforzo do equipo de 5 persoas encargado do proxecto, que foi desenvolto ao longo de 2 anos e medio de traballo. Os StartUp Games foron unha oportunidade excelente para a dar a coñecer a tecnoloxía galega nun mercado de grande importacia a nivel global coma é o Reino Unido. Ademais, isto permite establecer contactos fora das nosas fronteiras coa finalidade de internacionalizar as empresas TIC galegas, abrirse a novos mercados e lograr un recoñecemeto mais aló das nosas fronteiras.

A plataforma Intellixente conta cun panel de mando que monitoriza para poder ver en tempo real o que acontece nas redes sociais dunha empresa permitindo interactuar cos seus clientes. Esta solución, que xa conta con clientes de 12 marcas españolas, está dirixida a pemes para mellorar as relacións cos seus clientes e escoitalos xa que a tecnoloxía cambiou as relacións entre eles e as empresas. O sistema permite ver de xeito detallado todo o que se di da marca tanto en redes sociais coma Facebook, Twitter ou Linkedin coma en Youtube, blogs e foros.

Enrique de Miguel tamén é o dono da empresa VModal Interactive. Esta empresa, asociada a Eganet, tamén é unha unha EBT especializada na integración do usuario e o cidadán en comunidades abertas ou redes sociais para a innovación. A súa actividade principal é a prestación de servizos de I+D e desenvolvemento tecnolóxico de produtos no ámbito da interacción home-máquina e a innovación centrada no usuario.

Deste xeito e grazas a este premio, as empresas galegas acadan un maior prestixo internacional, permitindo aos seus produtos penetrar en novos mercados e establecer alianzas para lograr a mellora e internacionalización da economía galega.