A aposta de Imaxin polo galego, recoñecida co Premio Leixaprén 2012

Hoxe estamos de noraboa. Unha das nosas empresas socias, Imaxin|Software, acaba de ser galardoada co Premio Leixaprén 2012, que outorga a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), a plataforma que integra aos equipos de Normalización dos centros de ensino. Este premio serve para recoñecer o labor de defensa e promoción do galego en diversos ámbitos, dedicando esta edición ao mundo empresarial.

Recollida en  Praza | Código Cero | Sermos Galiza | Dioivo

 

Tras unha axustadísima votación, Imaxin resultou elixida gañadora con 199 votos, impoñéndose asi ás outras entidades finalistas: R Telecomunicacións (197), Alimentos Amorodo (186), Bodegas Martín Códax (182) e A-1 Seguridade (139). Luz Castro, de Imaxin, explica a enorme sorpresa que foi tanto ser nominados como erixirse gañadores do premio: "Xa foi alucinante estar entre as empresas finalistas, pero non contabamos con gañar porque había firmas moito máis grandes e recoñecidas polo público xeral, como R. Así que estamos moi contentos, e agradecemos os moitos parabéns de clientes e amigos que xa recibimos".

Porén, comenta que este recoñecemento ten un punto agridoce: "O feito de que che premien por falar na túa lingua, cando debería ser o normal, é indicativo do momento no que estamos". En todo caso, afirma Castro, este galardón "sirve para reafirmarnos nos nosos principios".

Imaxin leva máis dunha década de actividade empresarial feita en galego e coa mira ben posta nesta terra: "Para nós, no tema da lingua non había que escoller, tiñamolo moi claro. O que si decidimos -explica Castro- é traballar nas áreas que nos gustan, e a lingua é unha delas, coa que estamos moi comprometidos. Dende que traballamos fóra de Galicia tamén utilizamos outras linguas, pero sempre sen esquecer a nosa".

Agora hai un bo número de empresas TIC que desenvolven a súa actividade en galego, pero non era asi cando Imaxin comezou a súa andaina: "Eramos 'os do galego'", lembra a empresaria. "A dia de hoxe non vexo inconvintes en traballar na nosa língua; ao contrario, é unha vantaxe en moitos eidos, como nas relacións cos mercados do Brasil e Portugal, países cos que temos unha grande afinidade lingüística".

Entre os servizos de Imaxin destacan as súas achegas á enxeñería lingüística, creando ferramentas e aplicacións que axudan a superar as fendas entre a linguaxe natural e a linguaxe informática aplicando o coñecemento sobre a lingua ao desenvolvemento de sistemas, de xeito que estes teñan a capacidade de recoñecer, comprender, interpretar e xerar linguaxe humana en todas as súas formas. Neste eido, o seu compromiso coas linguas e coa comunicación queda máis que patente.

Pero máis aló, esta empresa radicada en Compostela xa desenvolveu moitos servizos específicos para a nosa lingua, entre os que destacan as localizacións para o galego de Windows Xp, Vista, Office 2007 e OpenOffice, o corrector ortográfico para OfficeXP e o corrector gramatical "Golfiño" para OpenOffice.org e o Diccionario de Diccionarios, feito para o Instituto da Lingua Galega, que compilou 26 dicionarios históricos. Por suposto, cómpre destacar o tradutor multilingüe Opentrad, unha das xoias da coroa de Imaxin que moitas persoas utilizan de cotío e que inclue, ademais dos clásicos inglés, francés, portugués, etc, linguas máis minoritarias coma o éuscaro, o catalán, o galés, o occitano...

O desenvolvemento de todas estas ferramentas de enxeñaría lingüística corre a cargo dun equipo multidisciplinar formado por tradutores, lingüistas e informáticos, o que garante a súa calidade en ambos eidos, o da lingua e o do software.

Alén do coidado ao galego nos seus produtos e servizos, o xurado do Leixaprén valorou a coherencia da empresa no uso da lingua, "que usan como marca de calidade, fomentando a modernidade do idioma, a súa adecuación a contextos profesionais de éxito económico e tecnolóxico". Salientaron, ademais, a súa perspectiva global sen perder de vista a súa orixe.

A entrega do galardón será o sábado 26 de maio nun xantar no Hotel Virxe da Cerca, en Santiago de Compostela. Dende Eganet parabenizamos a Imaxin e ás outras empresas finalistas por demostrar que en galego tamén se poden facer moitos, bos e sólidos proxectos empresariais.