Sete novas empresas súmanse a Eganet no que vai do 2012

A gran familia de Eganet non deixa de sumar novos membros. Se ao cabo de 2011 dabamos a benvida a un bo grupo de novas empresas socias, o 2012 non está quedando atrás: nos primeiros meses deste ano, sete novas firmas deron de alta na asociación, que xa suma 76 socios. É un pracer presentarvos a estes novos compañeiros e compañeiras, aos que queremos agradecer a confianza que depositan no proxecto de Eganet. Agardamos que a vosa traxectoria dentro da asociación sexa fructífera tanto para vós como para o conxunto da base social.

Recollida en Código Cero | RedTicos | Globedia 

Consultoría Informática del Noroeste (CIN), empresa con sede en Marín, adícase ao desenvolvemento de software para o sector de carpintería de aluminio, PVC e similares. Con 20 anos de experiencia como empresa, dedicanse íntegramente ao desenvolvemento, distribución e implantación de Sicar2, un software exclusivo para o sector e desenvolvido por profesionais da informática e da carpintería, adaptándose ao máximo ás necesidades reais do cliente. Coa adquisición deste produto, CIN ofrece tamén un curso formativo destinado a sacarlle o máximo partido á ferramenta. Fan unha ampla labor de servizo post-venta e atención ao cliente que garante o uso óptimo de Sicar2.

Streaming Galicia é unha firma radicada en Noalla (Sanxenxo), que ofrece servizo de streaming en directo, especializándose en congresos, seminarios, galas, etc., proporcionando dende un punto de publicación en Internet a produtoras, con streaming de alta calidade para todo tipo de dispositivos (móbiles, pc, etc) ata unha tarefa de realización integral cunha unidade móbil de ata 6 cámaras. Outro dos piares de traballo desta empresa, radicada en Noalla (Sanxenxo), é a automatización dos procesos de emsión por internet, tanto en directo como baixo demanda e outros servizos relacionados. Entre os seus clientes atópanse as principais canles televisivas de Galicia.

Avansig é unha empresa coruñesa especializada na enxeñería do software que nace co obxectivo de ofrecer á administración e ás empresas servizos de consultaría tecnolóxica e desenvolvemento de software a medida baseados en tecnoloxías SIX (Sistemas de Información Xeográfica) e FOSS (Free and Open Source Software). As aplicacións e sistemas desenvolvidos por Avansig ofrecen solucións para o análise, xestión, procesado e publicación en Web de información cunha compoñente espacial, así como para a resolución de todo tipo de problemas relacionados coa organización territorial.
 
Movendo Soluciones é unha startup conformada por profesionais cunha ampla traxectoria en Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Dende a súa sede en Ames, configuran os mellores equipos (Tiger Team) para executar proxectos de calidade. Ofrecen servizos de consultoría TIC, enfocados especialmente á seguridade da información e ao cumprimento das condicións legais, asi como solucións innovadoras en comercio electrónico, marketing dixital e dispositivos móbiles. Tenta mellorar a experiencia do usuario a través de deseños coidados, sinxelos no seu uso, con énfase na metodoloxía de desenvolvemento e a seguridade.

Tecnología de la Información del Noroeste é unha empresa con sede en Compostela, dedicada a consultoría e servizos globais de Tecnoloxía da Información e das Comunicacións, baseada na investigación, desenvolvemento e comercialización de servizos para a empresa privada e administracións públicas. Ofrecen servizos nos eidos do desenvolvemento de software a medida, de aplicacións para a Rede (deseño web e web services), Social Media e márketing online e consultoría e auditoría tecnolóxica. IT Noroeste desenvolve a súa actividade para empresas de todo tipo de sectores, evaluando os múltiples aspectos que inciden en cada eido de actividade para dar a solución máis adecuada e ofrecendo un produto final completo e totalmente personalizado, o mellor xeito de obter o máximo beneficio.

Igneoma é un laboratorio tecnolóxico radicado en Vilagarcía de Arousa especializado na IHC (Interacción Humano-Computador). A través do estudo, deseño, desenvolvemento e implantación de ferramentas eficaces e de fácil utilización, conseguen unha experiencia de satisfactoria para o usuario e centrada nas persoas. Teñen por principio a aplicación destes principios non só ás páxinas web, se non a calquera relación do individuo coa tecnoloxía, dende os correos electrónicos ata os procesos internos da empresa. Para ofrecer a mellor solución, estudan toda a tecnoloxía que rodea a un usuario e a forma en que se interactúa coa mesma.

Cosaart é un estudo de deseño teense cun forte compoñente creativo e artístico, especializado na creación de páxinas web, imaxe corporativa, ilustración persoalizada, márketing e publicidade, fotografía, creación de textos e mesmo produción de chapas. Traballan para pemes e autónomos, especialmente do mundo da arte.