Rede Apoio, gañadora do Concurso StartUp do XGN 2012

Como adiantabamos o venres, Eganet participou activamente no Concurso StartUp á Mocidade Emprendedora e na Mesa Redonda sobre Emprendemento, no marco da celebración da Xuventude Galicia Net 2012. O gañador do Concurso Startup foi Rede Apoio, empresa en proceso de creación que ofrece como servizos de formación e consultoría especializada en pequenas empresas, e outros proxectos que poden achegar solucións prácticas contra a crise. 

Os finalistas, escollidos a través dunha votación pública en Facebook, foron Talento Gallego e Aganga. O primeiro é un portal de formación e emprego con vocación galega, que ten como obxectivo evitar o éxodo de talentos e xerar un reclamo para que volten aqueles que se foron. Con isto, persigue facilitar e fomentar o emprego converténdose nun punto de encontro online para os que buscan e ofrecen emprego na nosa terra. O segundo, Aganga, é unha web que permite compartir e valorar ofertas entre os usuarios da comunidade grazas a un sistema de votos; aqueles que envíen a oferta poderán agregar aos enlaces o seu referido para poder levarse unha comisión por venda, que será pagada directamente polo portal que teña a oferta.

 

Ademais do Concurso StartUp á Mocidade Emprendedora, a asociación organizou a Mesa redonda sobre Emprendemento, na cal se debateron as vantaxes e situacións que a xuventude emprendedora debe ter en conta para pór en marcha os seus futuros proxectos.

Este debate contou coa presenza de profesionais coma Daniel Cerqueiro, de GalinusJosefina Fernández Álvarez, xerente do Consello de Administración de Altia Consultores, Fernando Rafael Pardo Seco, técnico da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, e Alejandro Lamas, vicepresidente 1º de Eganet en calidade de moderador. Tralas ponencias e a quenda de preguntas, os tres proxectos finalistas puideron facer unha breve presentación para a valoración do xurado. De seguido o presidente de Eganet, Víctor López fixo unha exposición pública sobre o traballo e os principios da asociación. Finalmente, e trala deliberación do xurado, entregáronse os premios tanto aos finalistas como ao gañador.

Os finalistas foron premiados coa posibilidade de asociarse a Eganet de xeito gratuito durante un prazo dun ano. O proxecto gañador poderá desfrutar dun paquete de produtos, especialmente deseñado e desenvolvido polas empresas socias que, de seguro, lle axudarán a sentar unhas bases sólidas para levar a súa empresa a bo porto.

Dende Eganet damos os parabéns tanto aos gañadores como aos finalistas e a todos os participantes, que coa súa imaxinación e capacidade de innovación manteñen o sector TIC en constante evolución e contribúen a poñernos novos retos e a superarnos.