Os socios de Eganet terán un desconto para contratar espazos no Culturgal 2012

Un ano máis o Culturgal volverá ao Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 30 de novembro e o 2 de decembro. Como vén sendo habitual, Eganet colabora e participa na organización deste gran escaparate das industrias culturais galegas e abre o espazo ás empresas socias para que tamén elas poidan aportar os seus proxectos e coñecementos ao amplo abano de oferta da feira.

A tecnoloxía está cada vez máis vencellada ás actividades culturais, algo que se reflexa tamén no Culturgal, onde en edicións pasadas puidemos coñecer as achegas de diversas empresas TIC aos sectores do audiovisual, do turismo, da educación... a innovación nestes campos non deixa de medrar e, consecuentemente, o fan tamén as posibilidades de negocio. Por iso Eganet continúa a ofrecer ás súas empresas diversas opcións para participar desta Feira: a xa habitual cesión de espazo no stand da asociación para presentacións puntuais, sumamos este ano a posibilidade de que as empresas socias reserven un stand de seu cun 15% de desconto.

O prezo pola contratación dun posto varía segundo os diversos modelos contemplados pola organización; porén, ese 15% é aplicable a calquera das modalidades, e acumulable a outras bonificacións previstas pola organización. Unha delas é a contratación temperá, que está aberta ata o día 30 de xuño e que supón unha importante rebaixa sobre o prezo posterior de contratación, cuxo prazo prolóngase ata o 10 de outubro.

A maiores, e tendo en conta a complicada situación económica, a organización do Culturgal ofrece dúas modalidades de pago. A primeira, afrontar o pago nun só prazo, unha opción coa que se descontará un 10%; a segunda, acollerse ao pago flexible abonando 100€ -ou un 20% do total a pagar no caso de que este importe supere os 650€- no momento de contratación e pagando o resto antes do 7 de decembro.

A participación no Culturgal da acceso a unha serie de servizos para os expositores, como son a posibilidade de vender os seus produtos, inclusión no catálogo virtual e físico da Feira, unha presentación de proxecto ou produto na programación oficial, acceso aos espazos exclusivos para profesionais dentro do recinto, servizo de limpeza do stand, etc.

Se estades interesados en contratar un stand no Culturgal 2012, recomendamos en primeiro lugar ler detidamente o Manual do Expositor elaborado pola organización, que tamén está á vosa disposición para resolver as posibles dúbidas que xurdan. Podedes contactar con eles a través do mail organizacion@culturgal.com ou telefonicamente no 881 162 336.