O Obradoiro de HTML5, un bo exemplo de aproveitamento de recursos a través da formación interna

Máis alá das accións formativas que Eganet fai en colaboración con diversas entidades, co Obradoiro de HTML5 impartido por Tesla Technologies entre os días 17 e 25 de febreiro no local de Imaxín, quixemos abrir un novo horizonte no noso labor pedagóxico utilizando a fórmula da formación interna.

Durante os catro días que durou este curso, un grupo moi heteroxéneo de persoas (deseñadores web, desenvolvedores, directivos...) puideron aprender as bases e posibilidades desta nova linguaxe que está cada vez máis presente nos diversos eidos da web e cuxo coñecemento é requisito cada vez máis frecuente nas ofertas de emprego. O programa incluíu unha introdución teórica ás bases do HTML5, un módulo de animacións con CSS3, fundamentos de tipografía, construción de interfaces de aplicacións web, integración de audio e vídeo e xestión de datos dinámicos.

Se ben todo é mellorable, sobre todo sendo a primeira vez que levamos adiante un proxecto deste tipo, o feedback que nos chegou a través das redes sociais e outras canles foi moi positivo, e houbo mesmo peticións para que Eganet continúe a coordinar iniciativas deste tipo que, entendemos, serán unha fórmula imprescindible para o futuro próximo.

  

Esta experiencia serviu para confirmar que a formación interna pódese configurar como unha boa alternativa para rendibilizar os coñecementos propios das empresas socias e para fomentar a colaboración entre elas, unha das dinámicas que sempre apoiamos decididamente dende a asociación. Permite, ademais, que un labor tan necesario para o noso sector coma é o da constante actualización de habilidades, tanto técnicas como directivas, non estea supeditado exclusivamente á existencia de fondos públicos ou doutro tipo de financiamentos indirectos.

Dende Eganet, queremos dar as grazas tanto a Tesla Technologies e Imaxín polo seu compromiso e vontade de colaboración, como a todas as persoas que a apoiaron coa súa participación. Agardamos que este obradoiro fora proveitoso para vós, e que continuemos esta andaina polo camiño da formación interna e o aproveitamento de recursos en beneficio do común, un magnífico exemplo de como ampliar as posibilidades e mecanismos para cubrir esas necesidades formativas tan específicas que as empresas socias necesitan para mellorar a súa competitividade e produtividade.