Información certeira sobre o sector tecnolóxico

Calmado o rebumbio que suscitou a nova sobre a creación da primeira rede social galega a mans de dous rapaces de 15  anos (Pervi), EGANET dá a súa opinión ante o tratamento que tivo nos medios e reafirma a súa posición como fonte especializada no eido das novas tecnoloxías e Internet.
Tamén en Código Cero, Galicia ConfidencialGalicia Hoxe

 

 A xente crea perfís virtuais, envía mensaxes electrónicas, publica e enlaza contidos na web, emprega programas especializados para a xestión das contas... pero descoñece o labor dos profesionais que idean os contidos e aplicacións que emprega. Os medios de comunicación xeralistas, como voceiros e amplificadores dos acontecementos e das “realidades”, deberan transmitir con rigorosidade as novas relacionadas co sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para axudar á xente a introducirse neste mundo e darlle instrumentos cos que construír un espírito crítico de seu.

En Galicia, no ano 2009, contáronse 1.542 empresas dedicadas ás TIC, segundo o estudo do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia. Estes datos sitúana como a sexta Comunidade Autónoma con maior número de negocios ocupados neste sector. Dende a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), entendemos que está a emerxer unha nova corrente de empresarios que aposta por renovar e modernizar a estrutura económica do país malia que crear unha empresa deste tipo en Galicia é unha aposta, canto menos, arriscada: a demanda do mercado interior é reducida e inestable.

En concordancia, os medios de comunicación xeralista, aqueles nos que se apoia o groso da poboación para informarse, deben achegar unha información certeira e fiable sobre este novo sector en crecemento que se está a converter nunha das áreas produtivas chaves no desenvolvemento económico e social do país.

Un tratamento correcto da información por parte dos xornalistas podería ter evitado a equivocación e consecuente rebumbio suscitado pola publicación dunha nova na que se confundía unha start-up cunha instalación puntual dunha solución coñecida como Socialengine. A falta de confrontación da información con fontes especializadas, como poderían ser as asociacións galegas de novas tecnoloxías, provocou que varios medios de alcance autonómico reproduciran, sen cuestionar o asegurado por dous rapaces de 15 anos, que nacera a primeira rede social galega.

En Eganet entendemos que este ruído informativo ameaza con quitarlle valor ao emprendemento tecnolóxico e ao potencial que teñen as start-up para crear riqueza para este país, onde hai moitas iniciativas interesantes, serias e ambiciosas relacionadas coas novas tecnoloxías. Así tamén, moitos dos nosos socios sentiron que o mal tratamento que se fixo desta nova prexudica a imaxe do sector, desvaloriza a figura dos profesionais das TIC e banaliza o traballo e importancia deste eido, que en Galicia empregou en 2009 a 16.327 traballadores/as, o que representa o 1,59% da poboación ocupada galega, e contribúe co 2,19% ao PIB de Galicia.

Unha situación análoga á acontecida con esta nova sería comparar un xornal creado nun instituto cos medios profesionais. Qué pensarían os xornalistas se alguén informase de que catro rapaces de instituto fundan un medio de comunicación nunha semana para competir co Washington Post? Os potenciais clientes poderían entender que non hai diferenza entre os profesionais e os rapaces escriben ou trastean cos seus ordenadores.

En Eganet están representadas un gran número das empresas que xa levan un tempo traballando arduamente para mellorar a produtividade dos negocios de todos os sectores. Pero ademais das xa establecidas, hai varias start-up galegas que están asomando a cabeza. Varias desas iniciativas pertencen á "Vindeira Capital Network", un proxecto que axuda a relacionar a estas start-ups con inversores de capital risco.

É por iso que pedimos a estes medios de comunicación que sexan rigorosos e demandamos unha maior sensibilidade e respecto, así como  a presenza de xornalistas especializados nestas cuestións nas redaccións á vez que nos presentamos como fontes especializadas neste campo á hora de crear ou contrastar informacións.