Mércores, 21 de Decembro de 2011 16:22

Eganet entregou onte os seus Premios anuais nunha Gala celebrada no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia á que asistiron unhas 200 persoas, e na que puidemos ver algúns dos mellores proxectos TIC que nos deixou o ano 2011. Marcus Fernández, de Código Cero, e Susana Alvite, de Hexis Comunicación, foron os encargados de conducir un acto que se desenvolveu nun ambiente cordial e relaxado, con numerosa asistencia de autoridades e profesionais de diversos ámbitos, especialmente do sector TIC.
Tras semanas de expectación entre os participantes, e grazas ao traballo do Comité Avaliador e dos membros do Xurado dos Premios, coñecimos por fin os nomes e apelidos dos proxectos que levaron os galardóns nas cinco categorías a concurso, no transcurso dunha cerimonia que contou cunha moi boa acollida por parte do público asistente.
Deste xeito, o plantel de gañadores é o seguinte:
Premio á Mellor Comunicación Dixital
Premio á Mellor Aplicación Software
Premio ao Mellor Proxecto de Negocio Online
Premio ao Mellor Proxecto Emprendedor TIC
Premio ao Mellor Proxecto Empresarial TIC
A Gala dos Premios 2011 foi tamén unha oportunidade para escoitar, tanto sobre o escenario como fóra del, as diversas voces vencelladas ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación en Galicia. Mar Pereira, secretaria xeral da SXMIT, quixo salientar no seu discurso a capacidade e o espírito emprendedor dos profesionais TIC galegos, afirmando que "só polo feito de estares aquí, sodes xa os protagonistas do futuro de Galicia".
No discurso que sirviu de peche á Gala, Víctor López, presidente de Eganet, insistiu no papel fundamental que as empresas do sector teñen que asumir para ser un dos motores da sociedade e da economía galegas: “A inclusión das TIC ten demostrado ser un dos xeitos máis sinxelos e eficaces de aumentar a produtividade, a competitividade, racionalizar os recursos e reducir os custos. Estes catro factores son clave para o éxito”.
Asemade, fixo un chamamento á responsabilidade e compromiso dos poderes públicos para co sector TIC galego: “Deben ser conscientes de que apostar polas TIC é apostar polo futuro”. López salientou tamén que, ante os retos que depara o futuro inmediato, a colaboración e a comunicación entre a administración, as empresas, as asociacións e os clientes é vital.
Premio Especial á Fundación Foltra e recoñecemento ás empresas máis veteranas
Como xa anunciamos a principios de decembro, o Premio Especial 2011 foi para a Fundación Foltra pola integración da tecnoloxía como ferramenta para mellorar a súa labor asistencial no ámbito socio-sanitario. Ana Peleteiro, presidenta desta Fundación, salientou as dificultades que conleva un traballo coma o de Foltra, mais tamén as satisfaccións que aporta. Tivo tamén verbas de agradecemento para os creadores dunhas tecnoloxías “que facilitan e axudan a mellorar o servizo que presta a Fundación”.
Ademais, oito das empresas socias de Eganet (Abertal Networks, Ceo Aberto, Elogia, Igalia, Infonet, Infoweb Galicia, Iterdata e Teaxul) recolleron o recoñecemento a máis de dez anos de vida empresarial que, en palabras de Alejandro Lamas, secretario de Eganet, son un exemplo de que as TIC feitas en Galicia “teñen capacidade para dar resposta, e superar, as expectativas que nelas hai depositadas”.
Dende Eganet, queremos agradecer participación de todas as persoas que asistiron á Gala dos Premios, unha iniciativa financiada pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e os fondos FEDER, asi como a implicación de todas as entidades que achegaron as súas candidaturas para esta oitava edición dos Premios. Un ano máis, o sector TIC galego mostrou a súa capacidade e creatividade para continuar desenvolvendo un magnífico labor.