Eganet participará na presentación da candidatura de PuntoGal para un dominio galego

O proxecto para obter un dominio propio para Galicia, o .gal, está a piques de ser enviado á ICANN  para a súa valoración. Tras un prolongado traballo a Asociación PuntoGal, principal promotora da iniciativa, prepara unha presentación pública e debate sobre a mesma. Eganet, como integrante de PuntoGal, participará activamente neste acto, que se celebrará o vindeiro martes 29 ás 12.00h no Auditorio da Biblioteca de Galicia (na Cidade da Cultura), a través da presenza de Víctor López na mesa redonda.

Recollida en Código Cero | Sermos Galiza | Praza Pública | Diário Liberdade | Cultura Galega | ECOdixital | Mancomún

Xunto ao presidente de Eganet, participarán no faladoiro o presidente da Fundació PuntCat , Jordi Iparraguirre, Marcus Fernández, tesoureiro de PuntoGal e webmaster de Código Cero e outros representantes do sector TIC que apoian e traballan neste proxecto de dominio galego. Haberá tamén presenza institucional a través da AMTEGA, axencia que tamén se envorcou con PuntoGal co apoio do Consello da Xunta.

Antes da mesa redonda, a Asociación PuntoGal presentará un vídeo sobre o proceso de solicitude de novos dominios e fará unha pequena palestra para explicar máis polo miúdo o futuro inmediato do .gal, tocando temas coma os prazos, os requisitos que a ICANN ten en conta para aprobar os proxectos, as futuras formas de rexistro, etc. Deste xeito, poderemos estar ao tanto da andaina do noso dominio galego nas mans dos responsables de poñerlle nome e apelidos á Rede. 

A mesa redonda versará sobre as novas posibilidades e vantaxes que un dominio propio abriria no sector empresarial das TIC, na sociedade e na cidadanía galega. Dende logo, as cifras de adhesións e apoios que manexa a asociación son altamente esperanzadoras e un dos puntos fortes da candidatura, con 110 entidades adheridas de diversos ámbitos: as tres universidades de Galicia, o Consello da Cultura Galega, a RAG ou 20 centros de emigrantes galegos afincados tanto noutros puntos do Estado como en diversos países (Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Estados Unidos, Uruguai, Brasil...). Para darlle o último pulo, máis de 12.000 persoas asinaron a petición virtual de apoio.

O uso do galego en Internet continúa a ser minoritario, ao igual que ocorre no mundo empresarial. Neste senso, ter un dominio propio contribuiría a fomentalo seu uso, crear novos contidos online e localizar con maior facilidade os contidos xa existentes, algo que xa sucedeu no caso do .cat, que xa cumpriu os cinco anos de idade. Para alén do pulo que lle pode dar á cultura galega, existe tamén un beneficio económico, xa que ao activar un dominio .gal haberá unha repercusión directa na nosa terra, algo que non sucede cando rexistramos outros dominios (.com, .net, .org, etc).   

Dende Eganet, unimonos aos agradecementos de PuntoGal a todas as persoas e entidades que amosaron de xeitos diversos o seu apoio a este proxecto que axudará a fortalecer a presenza galega na Rede. Agardamos tamén que eses apoios sigan medrando para que, finalmente, o .gal sexa unha realidade que nos beneficie a todos.