Eganet envórcase no Xuventude Galicia Net

Entre hoxe e o domingo, o Pazo de Exposicións e Congresos de Galicia será a sede das múltiples actividades que este ano enchen o programa do encontro Xuventude Galicia Net 2012 . Eganet, ademais de participar como entidade patrocinadora, decidiu tomar parte activa en varios dos eventos, entre os que destaca o Concurso StartUp á Mocidade Emprendedora e unha Mesa Redonda sobre Emprendemento. Haberá tamén representación de varias empresas socias: IT Noroeste é tamén unha das patrocinadoras; Beatriz Legerén, de Interacción, participará no Obradoiro de "Xogones"; e Rubén Bastón, director de Social Media de Elogia será un dos relatores.

Recollida en    El Correo Gallego | PressPeople

Hoxe ás 18:00h terá lugar o Obradoiro de "Xogóns", que pretende explicar os pros e contras dunha das profesións máis atraentes do sector TIC, a de probador de videoxogos ou "beta-tester". Os participantes poderán escoitar as impresións de Beatriz Legerén, expresidenta de Eganet e unha das responsables de Interacción, firma que conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento de videoxogos. 

Na xornada do sábado, Eganet cobrara máximo protagonismo a través da organización da Mesa Redonda sobre Emprendemento (17:00h) e exercendo como mestra de cerimonia do Concurso StartUp á Mocidade Emprendedora. Na Mesa Redonda o actual vicepresidente da asociación, Alejandro Lamas, será o encargado de presentar aos poñentes e moderar o debate, que xirará en torno ás diversas oportunidades, posibilidades e xeitos de traballar que teñen os emprendedores. A través das diversas experiencias das firmas convidadas tentaráse darlle algo de luz ao complexo tecido que rodea a creación e desenvolvemento de empresas de base tecnolóxica.

No debate participarán Fernando Rafael Pardo Seco, técnico da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC; Daniel Cerqueiro García, socio-director de Galinus Taller de Novos Medios, e Josefina Fernández Álvarez, xerente e membro do Consello de Administración de Altia Consultores. Ao cabo das súas ponencias, haberá unha quenda de preguntas para que o público resolva as posibles dúbidas, comparta as súas propias experiencias, ou faga aportacións relevantes que contribuirán a enriquecer as conclusións deste faladoiro.

Concurso StartUp á Mocidade Emprendedora e Presentación de Eganet

A maior implicación de Eganet nesta edición de XGN será a través do Concurso StartUp á Mocidade Emprendedora, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e que será, sen dúbida, unha das iniciativas máis interesantes que veremos esta fin de semana no Pazo de Congresos. Trátase dun concurso destinado a persoas de entre 18 e 30 anos que teñan un proxecto innovador de base tecnolóxica e feito en Galicia. Ata hoxe ás 17:00h calquera persoa pode emitilo seu voto vía Facebook. A partir desta hora, pecharase a votación e ás 18:00 anunciarase o nome dos tres proxectos finalistas. 

A presentación dos finalistas terá lugar mañá, sábado, a partir das 18.00h. Como mostra do seu compromiso co emprendemento e a innovación e do seu apoio á mocidade galega, Eganet premiará aos finalistas cunha inscrición gratuita á asociación por un periodo dun ano. Cada un dos promotores contará con 10 minutos para presentar a súa iniciativa ante o público e o xurado (composto polos membros da Mesa Redonda). Tras esta presentación, o xurado retirarase para deliberar, deixando paso a Víctor López, presidente de Eganet, quen fará unha breve presentación pública da asociación, explicando os seus principios e obxectivos, os distintos eidos de traballo, as iniciativas que se levan a cabo e os servizos que ofrecemos aos socios. Esta exposición está prevista para as 18:40h. 

De seguido, aproximadamente ás 18:50h, terá lugar a entrega dos premios aos finalistas e anunciarase o nome do proxecto gañador, que recibirá como premio un paquete de servizos desenvolvido por empresas especializadas de Eganet co obxectivo de mellorar a súa imaxe na Rede, abarcando dende o deseño da imaxe corporativa ata o desenvolvemento da web e o posicionamento en buscadores.

Xuntanza de Speed Networking

Tras a finalización do concurso, haberá unha sesión de Speed Networking organizada tamén por Eganet e que dará comezo sobre as 19:00h. Consistirá nunha rolda de presentacións entre os participantes, que terán que explicar os seus proxectos en 5 minutos en quendas rotativas. Deste xeito, fomentaremos o contacto directo entre persoas, que adoita crear boas sinerxías e ser un dos piares da colaboración entre os emprendedores. Esta sesión está pensada para ser moi dinámica, e o seu desenvolvemento dependerá en grande parte dos intereses e capacidades comunicativas das persoas que participen.