Eganet denuncia a discriminación da meirande parte do sector TIC no Programa B2C

A Xunta Directiva de Eganet ven de enviar un escrito ao responsable do "Programa de Asesoramento a pemes en Comercio Electrónico B2C", promovido por Red.es, denunciando que o requisitos económicos de 1 millón de euros de facturación que se lles esixen aos candidatos "discriminarán á meirande parte das empresas do sector, impedindo a súa colaboración nun proxecto que consideramos absolutamente necesario para o avance social grazas á incorporación e uso das novas tecnoloxías.

Recollido en Tic Galicia

 

 

Pese a compartir os principios deste programa -primacía da calidade nas tendas online e asesoramento personalizado e individualizado- Eganet posicionouse totalmente en contra desta cifra por considerala "totalmente desproporcionada, sobre todo tendo en conta que o importe máximo subvencionable dos proxectos é de 30.000 euros", mesmo para empresas que teñen coñecemento e experiencia demostrables.

Na carta remitida a Red.es salientáronse algúns datos obxectivos sobre o sector TIC, extraídos do recentemente publicado "Informe do Sector TIC e de Contidos en España en 2010" do Ministerio de Industria, que apoian os argumentos de Eganet: soamente 185 das 20.202 empresas que publicaron as súas cifras de empregados para este informe son grandes empresas, é dicir, teñen un persoal superior a 250 persoas. O resto, é dicir, 20.017, son microempresas e PEMEs.

O mesmo informe recoñece que "o perfil do tecido empresarial é o da microempresa con menos de 10 asalariados e cunha capacidade de xeración de negocio de menos de dous millóns de euros. As empresas con capacidade real para acadar cifras elevadas de negocio representan soamente o 1% do total do sector, mentres que a maioría (88,4%) non superan os 2 millóns.

Tendo en conta estas cifras e dende o coñecemento do sector, Eganet considera "que este tipo de accións prexudican ás empresas especializadas nestas áreas de negocio e ao sector TIC en xeral". Asemade, Eganet ofreceu á súa colaboración a Red.es e solicitou a reconsideración do devandito requisito económico.