UNINOVA xestionará o Programa Erasmus para Mozos Emprendedores

Mais alá da fase de estudos universitarios, o Programa Erasmus ten un amplo abano de ofertas para profesionais, emprendedores e empresarios. A incubadora de empresas da USC, UNINOVA, será un dos organismos intermediarios que xestionarán unha delas, o Programa Erasmus para Mozos Emprendedores. Enmarcado na iniciativa europea "Erasmus Entrepreneurs", este programa vai dirixido a mozas e mozos emprendedores de calquera dos países da UE que desexen adquirir experiencia laboral no seo dunha empresa. Dende Eganet, queremos convidar ás empresas socias, e ao tecido empresarial galego en xeral, a participar nesta beneficiosa iniciativa.

Os propietarios, xerentes, ou persoas do consello de administración dunha peme, poderán acoller a un emprendedor novo doutro país por un período de entre 1 e 6 meses, de xeito totalmente gratuíto. As vantaxes para ambas partes son moitas e de gran relevancia. O emprendedor adquirirá, baixo a tutela dun empresario experimentado, os coñecementos necesarios para crear e xestionar unha empresa: factores de éxito, planificación, xestión financeira, desenvolvemento de produtos innovadores, prácticas de venta e comercialización, etc.

A empresa de acollida tamén obterá diversos beneficios deste programa: contarán con ideas e puntos de vista novos, obterán certos coñecementos e contactos en mercados doutros países da UE -o que incrementará as súas posibilidades de internacionalización no futuro, mesmo de xeito directo coa empresa do bolseiro-, inclusión na rede europea de empresas colaboradoras do programa ou contar co apoio das organizacións intermediarias na busca dun potencial socio estratéxico. Non menos importante, o feito de participar en iniciativas europeas da categoría do Programa Erasmus, ofrece un plus de prestixio, visibilidade e repercusión pública que é significativo en moitos ámbitos.

Para a persoa solicitante, os requisitos son contar cun proxecto empresarial ou unha empresa xa constituída cunha antigüidade non superior a 3 anos. No caso das empresas de acollida, a antigüidade deberá ser de 3 anos como mínimo.

Para facer efectiva a inscrición como empresa de acollida, hai que dirixirse á páxina web oficial do programa, encher o formulario e aportar o CV. Na Guía de Rexistro para Empresas de Acollida pódense atopar todos os detalles ao respecto.