Doce socias de Eganet crean un consorcio de comercio electrónico

As dinámicas de colaboración e traballo conxunto das empresas de Eganet non deixa de dar resultados frutíferos. A última iniciativa foi a creación dun consorcio de empresas para o comercio electrónico no seo da asociación. A través deste grupo as doce firmas que o forman polo de agora dirixirán os seus esforzos cara á obtención de proxectos de calado no campo do e-commerce e á divulgación social das oportunidades que este sistema reporta ao tecido produtivo en xeral, tanto a nivel galego como estatal e internacional.

Recollida en Praza | Código Cero | Galicia Digital | Ecodixital | Portal do Comerciante Galego

Un proxecto ambicioso, pioneiro en Galicia, que responde a unha necesidade de unión de axentes altamente especializados neste campo e con capacidade para crear solucións óptimas e competitivas. Pretende tamén dar unha resposta eficaz ás necesidades de comercio electrónico de todos os sectores produtivos, dende os negocios máis locais ata as industrias e grandes empresas. Nun sector altamente atomizado como é o das TIC, formado na súa meirande parte por pemes e micropemes, a suma de forzas e coñecementos faise imprescindible para aumentar as posibilidades das empresas TIC galegas no nicho do comercio electrónico, un eido de negocio que amosa unha excelente saúde e boas perspectivas de futuro.

As empresas fundadoras de este consorcio son Agalip, Explica Ingenieros, Deza Business, Galicia Digital, Galinus Taller de Novos Medios, Hacce Soluciones TIC, Lanaútica, Movendo, PéZcalo, Primate, Tagen Ata e Tesla Technologies. Porén, non se trata dun grupo pechado, podendo negociarse a incorporación de máis socias ao longo do tempo, sempre cumprindo coas normas establecidas para o seu funcionamento.

Durante o 2012, o comercio electrónico foi un dos temas máis traballados en Eganet. Coa nosa elección como Entidade Colaboradora do Programa B2C de Red.es a finais do 2011, xurdiron novas inquedanzas e posibilidades para as empresas socias que son o xerme deste novo proxecto no que os seus promotores están altamente implicados.

A creación do consorcio supón tamén unha mellora das posibilidades das empresas á hora de abordar proxectos máis aló de Galicia, a nivel estatal e internacional. O comercio electrónico é un campo transversal e transfronteirizo, polo que o grupo agarda que o traballo que leven a cabo aumente e facilite a capacidade de internacionalización dos seus membros.

Dende a Eganet, non podemos deixar de parabenizar a iniciativa, que afianza o papel da asociación como referente do comercio electrónico en Galicia.

Algunhas cifras do comercio electrónico en España

Segundo un recente estudo da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), o comercio electrónico en España medrou gradualmente no últimos dez trimestres, acadando unha nova cifra récord de 2.421,8 millóns de euros no terceiro trimestre de 2011, un 27,4% máis que no mesmo período de 2010. Nese ano, último total anual que recolle este informe, o volume de negocio sitúase nos 7.317,6 millóns de euros, unha subida substancial respecto a 2009, que pechou con 5.751,7 millóns, é dicir, unha variación interanual do 27.2% 

O reparto destas cifras entre os sectores produtivos é o seguinte: as axencias de viaxes e operadores turísticos (16,8%), o transporte aéreo (13,4%), o marketing directo (6,5%), o transporte terreste de viaxeiros (5,8%), os xogos de azar e apostas (4,1%), os espectáculos artísticos, deportivos e recreativos (3,4%), as prendas de vestir (3,2%), a publicidade (2,9%), os electrodomésticos, radio, televisión e son (2,2%), e as actividades cinematográficas e de vídeo (1,9%).