Como levar as rendas dunha empresa tecnolóxica

BIC GALICIA, organismo dependente da Consellería de Economía e Industria, en colaboración con EGANET, impartirá formación para directivos de empresas de novas tecnoloxías da información e da comunicación.

O empresariado do sector TIC acostuma ter un perfil moi técnico e descoidar as tarefas máis empresariais como a xestión ou a comercialización de produto.

Todas as empresas interesadas poden inscribirse xa no Taller de Dirección Estratéxica que se desenvolverá a partir de setembro, cumprimentando esta ficha de inscrición e enviándoa a info@eganet.org.

As empresas de novas tecnoloxías da información e da comunicación interesadas en mellorar os seus procesos de dirección e comercialización empresarial poden participar no programa de formación en dirección estratéxica que impartirá a partir de setembro BIC Galicia, organismo dependente da Consellería de Economía e Industria. A Asociación de Empresas Galegas de Internet e Novas Tecnoloxías colabora con este programa que responde ás necesidades formativas do sector galego das TIC, un sector caracterizado pola súa xuventude e composto por empresas tecnolóxicas de pequeno e mediano tamaño, con perfís profesionais moi técnicos e de alta cualificación pero pouco familiarizados coas tarefas básicas de administración e dirección de empresas.

O programa formativo que se desenvolverá a partir do mes de setembro comeza con 40 horas de formación especializada nas cinco áreas de xestión da empresa: Dirección Estratéxica; Dirección de Marketing e Comercial; Dirección de Operacións; Dirección de Control e Xestión; e Dirección e Xestión dos Recursos Humanos. Aos talleres formativos séguelles unha etapa de mentorización empresarial (6 hrs.) na que a empresa toma contacto cun mentor con experiencia no mundo da empresa, e unha xornada de negocios na que, durante unha fin de semana, se intercambiarán experiencias con outros empresarios, se darán a coñecer as empresas e os seus produtos e/ou servizos, poranse en práctica os coñecementos e pautas establecidas na formación previa e ampliarase a rede de contactos dos participantes.

Poden participar empresas do sector TIC, asociadas ou non a EGANET. As empresas interesadas poden obter máis información e inscribirse xa no mail info@eganet.org ou no teléfono da asociación, 881 97 69 30.